Amosando publicacións coa etiqueta tradici. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta tradici. Amosar todas as publicacións

7 de dec. de 2010

VISITA Á ESCOLA DA MÚSICA TRADICIONAL

Houbo un tempo en que se chamaba aos paxaros imitando o seu canto, en que o ritmo e as cantigas  acompañaban os traballos do campo, o relato das noticias e moitas das angueiras da vida cotiá. Instrumentos feitos con canas, paus, cabazas, pelicas, froitos e follas, coios e latas,… Sinxelas e sorprendentes xoias musicais que Xavier Blanco nos descubre con sensibilidade nun  xenuíno diálogo coa natureza.


16 de nov. de 2010

sesión de contacontos


Celso Sanmartín deleitounos unha tarde coa súa arte de contar historias.
O 15 de novembro tivemos o privilexio de recibir no instituto a un verdadeiro contador de historias, un contacontos de categoría, Celso Sanmartín, quen nos devolveu o pracer de escoitar, entre risas e emoción, esas historias intemporais que precisan dunha arte especial para ser contadas.

19 de feb. de 2010

fiadeiras e outros oficios no entroido

Esta vez a quenda de tarde celebrou o entroido contando coa representación de diverso oficios tradicionais, como as fiadeiras que fiaron la,  as labregas que viñeron cargadas cos manizos de grelos,  cestos de ovos, garavizos para facer lume, vimbios para atar as vides, ... ou a redeira que explicou como remendar as redes.
Tampouco faltou o humor, e había  meigas con vasoira, personaxes de conto, bailarinas e piratas que recitaron a súa famosa canción e tamén a de María Soliña, de Celso Emilio Ferreiro.

Houbo cantigas, habaneiras e troula; e por suposto non faltaron as orellas nin as filloas que até se prepararon in situ, co forniño e a tixola que formaban parte dun disfraz.




1 de dec. de 2009

magosto pasado por auga

Non houbo outra tarde peor no que vai de outono, vento que nin se sabe de onde viña e chuvia caendo a cairos; pero a festa pode con todo... e as mesas enchéronse das viandas tradicionais destas festas como as chulas de mangueta, , biscoitos, roscón, orellas (que son propias do entroido, pero tamén había),  froitos secos e entre eles, por suposto, castañas, que desta vez estaban boísimas,  e non tiñan becho! Por certo que a mesa coa grella para asalas resultou estupenda así que felicitamos aos da quenda de mañán que a deseñaron, que parece ser que foron os de electrónica.


 


 Tampouco faltaron as cantigas.


 


Non chas quero non chas quero


castañas do teu magosto. (bis)


Non chas quero,  non chas quero


que me saben ao chamosco.


 






11 de nov. de 2009

MAGOSTO

A pesar de que as previsións meteorolóxicas non auguran un tempo nada bo para esta fin de semana, o venres 13 (!!!) celebraremos o magosto tamén na quenda de tarde.


As dúas primeiras horas teremos clase e a partir das 17,30 iremos baixando para picar castañas, axudar coas brasas, colocar mesas e o que faga falta. (Quen se apuntou previamente a estas actividades pode baixar antes, a partir das cinco).


Se chove, que é moi probable, pero o vento o permite, asaremos no patio cuberto, entre os edificios do instituto e o pabellón.


Aquí vos vai un enlace onde tendes un pouco de información sobre a orixe da festa e o secado das castañas.


A foto é do lume do magosto pasado.


magosto-2008-12.JPG

6 de nov. de 2009

CHEGA SANTOS, CHEGAN OS MAGOSTOS

Estamos en fin de ano


Aínda que nos pareza estraño, estamos en fin de ano. O ciclo da vida natural cumpriuse: o viño está xa feito; as mazás gardadas e transformadas en deliciosa sidra; o centeo, o orxo, o millo e os demais cereais están no canastro; as castañas e as noces a secar; os cabazos están xa no eido; o mariñeiro fixo o principal da súa pesca, e agora está máis na casa; é tempo xa de matar o porco que con tanto esmero se criou desde a primavera; tamén de cazar as alimañas do monte que criaron no verán; as árbores e as viñas, cumprido o seu ciclo, deixan que o frío vento do outono lles arrinque as follas, espíndose...Os días máis curtos, o clima desapacible,...Todo semella invitarnos ao recollemento e ao reencontro. Abandonados temporalmente os traballos da vida, é tempo de ocuparse dos espíritos.


Festa de comunicación cos mortos


O tempo de Santos é tempo de reencontrarnos cos nosos defuntos, os verdadeiros deuses protectores da familia, da casa, do fogar, e de darlles gracias de algunha maneira polos bens recibidos durante o ano que agora remata: polas colleitas farturentas ou escasas que nos darán o alimento, pola saúde dos nenos, dos avós e de toda a familia e tamén pola dos animais domésticos que nos van alimentar no cru inverno. É tempo de lembrar os nosos finados, de honralos e sentilos presentes: durante o ano o cemiterio estivo a monte, descoidado; mais agora limparemos as súas tumbas, visitarémolos amigablemente e acenderémoslle unha vela en sinal de comunicación e lembranza; tamén prenderemos na cociña da casa, á beira do lume e da lareira, unha ou máis “mariposas” en aceite como símbolo da súa presenza feliz entre nós os vivos. Porque neste tempo de comunicación dos vivos cos mortos e dos mortos cos vivos é como se realmente estivesen entre nós. Tanto é así que, na cea do primeiro de novembro, poremos comida e bebida tamén para eles, e ao rematar non se retirará a mesa para que sigan comendo e bebendo entre nós. Na mañá seguinte, eses alimentos, bendicidos pola súa presenza, seránlle dados aos animais, que gozarán así, tamén, da súa protección.


Lumes máxicos


O lume está presente nestas festas como símbolo de comunicación co alén, co máis-alá: préndense velas nos camposantos e tamén nas cociñas e lareiras, pois é a lareira o lugar central do fogar ou lar galego (os LARES eran os deuses familiares, os defuntos protectores da casa e dos seus ocupantes na antigüidade romana: de aí vén a palabra). E tamén se fan os magostos (do latín MAGUS “máxico” máis USTUM “lume”) no monte e nos eirados para comunicármonos cos espíritos dunha maneira festiva e relouqueira: débense asar as castañas sen picar porque así, por cada unha que estrale, é unha ánima que se libera do purgatorio. Tamén poden estralar os chourizos, asados do mesmo xeito.