6 de nov. de 2009

CHEGA SANTOS, CHEGAN OS MAGOSTOS

Estamos en fin de ano


Aínda que nos pareza estraño, estamos en fin de ano. O ciclo da vida natural cumpriuse: o viño está xa feito; as mazás gardadas e transformadas en deliciosa sidra; o centeo, o orxo, o millo e os demais cereais están no canastro; as castañas e as noces a secar; os cabazos están xa no eido; o mariñeiro fixo o principal da súa pesca, e agora está máis na casa; é tempo xa de matar o porco que con tanto esmero se criou desde a primavera; tamén de cazar as alimañas do monte que criaron no verán; as árbores e as viñas, cumprido o seu ciclo, deixan que o frío vento do outono lles arrinque as follas, espíndose...Os días máis curtos, o clima desapacible,...Todo semella invitarnos ao recollemento e ao reencontro. Abandonados temporalmente os traballos da vida, é tempo de ocuparse dos espíritos.


Festa de comunicación cos mortos


O tempo de Santos é tempo de reencontrarnos cos nosos defuntos, os verdadeiros deuses protectores da familia, da casa, do fogar, e de darlles gracias de algunha maneira polos bens recibidos durante o ano que agora remata: polas colleitas farturentas ou escasas que nos darán o alimento, pola saúde dos nenos, dos avós e de toda a familia e tamén pola dos animais domésticos que nos van alimentar no cru inverno. É tempo de lembrar os nosos finados, de honralos e sentilos presentes: durante o ano o cemiterio estivo a monte, descoidado; mais agora limparemos as súas tumbas, visitarémolos amigablemente e acenderémoslle unha vela en sinal de comunicación e lembranza; tamén prenderemos na cociña da casa, á beira do lume e da lareira, unha ou máis “mariposas” en aceite como símbolo da súa presenza feliz entre nós os vivos. Porque neste tempo de comunicación dos vivos cos mortos e dos mortos cos vivos é como se realmente estivesen entre nós. Tanto é así que, na cea do primeiro de novembro, poremos comida e bebida tamén para eles, e ao rematar non se retirará a mesa para que sigan comendo e bebendo entre nós. Na mañá seguinte, eses alimentos, bendicidos pola súa presenza, seránlle dados aos animais, que gozarán así, tamén, da súa protección.


Lumes máxicos


O lume está presente nestas festas como símbolo de comunicación co alén, co máis-alá: préndense velas nos camposantos e tamén nas cociñas e lareiras, pois é a lareira o lugar central do fogar ou lar galego (os LARES eran os deuses familiares, os defuntos protectores da casa e dos seus ocupantes na antigüidade romana: de aí vén a palabra). E tamén se fan os magostos (do latín MAGUS “máxico” máis USTUM “lume”) no monte e nos eirados para comunicármonos cos espíritos dunha maneira festiva e relouqueira: débense asar as castañas sen picar porque así, por cada unha que estrale, é unha ánima que se libera do purgatorio. Tamén poden estralar os chourizos, asados do mesmo xeito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario