9 de xuño de 2015

Viaxe a Chaves (3)

Despois do paso polo balneario de Cabreiroá, en Verín, dirixímonos a Chaves, a parte lusa da eurocidade. O Forte de São Francisco, de mediados do século XVII, é un recinto pechado con capela incluída, situado nas colinas que rodean a cidade. Alí está o hotel,  ao que chegamos despois dun día de intensa actividade, con temperaturas que rondaban os 40 graos.

A entrada neste paradisíaco remanso de paz resultou do máis agradable. Sobre todo cando vimos a piscina! Pareceunos que nos tiñamos teletransportado a Hawai : )


 
O domingo saímos do hotel para coñecer a cidade e camiñamos polo río Tâmega onde había grande actividade pesqueira. Por fortuna temos auga por todos lados. Por algo nos atopamos en Aquae Flaviae, nome romano da cidade.

Xa de mañá a temperatura vai en aumento, tanto que ninguén ousa apartarse da sombra mentres asiste atentamente ás leccións de historia coas que nos marabilla Bruno.



Ponte romana sobre o río Támega, construída a finais do século I coñecida como ponte de Trajano, consta de 12 arcos visibles (e outros soterrados). Alí converxían as tres vías romanas máis importantes: Bracara Augusta, Asturica e Lamecum. Nas columnas cilíndricas atribuídas aos emperadores Vespasiano e Trajano, figuran os nomes dos pobos que axudaron a construír a ponte: Aquiflavienses, Aobrigenses, Bíbalos, Coelernos, Equésios, Interâmicos, Límicos, Aebisocos, Quarquernos e Tamaganos.



Escoitando a Bruno á sombra dunha moreira nos Jardins do Castelo



A ponte das Poldras concebíuse para cruzar o río co gando; as persoas ían polas pedras e os animais pasaban polo río que ao parecer a eles non lles importa mollarse.


Á dereita, o museo da cidade e abaixo a torre de Menagem* do Castelo de Chaves.

(no enlace un texto en portugués sobre a historia da torre, abaixo traducido ao galego para comprobar o moito que se parecen as linguas)
*"Monumento nacional desde 22 de Marzo de 1938, varias foron as adversidades que imperaram na historia do Castelo de Chaves. Do que del resta, só a Torre de Menagem se mantén como historia viva de épocas conturbadas da reconquista cristiá e de dote real para a resolución dos varios problemas políticos entre lusos e españois. É con D. Afonso Henriques, que Chaves pasa a integrar o territorio Portugués, séndolle concedido foral en 1258 por diploma de D. Afonso III, o cal casara en Chaves con D. Beatriz filla ilexítima de D. Afonso X de Castela. Coa elevación á categoría de vila que o foral lle outorgou, consagrando Chaves como un núcleo poboacional, económico e estratéxico na liña de defensa das fronteiras do territorio Portugués, urxiu a necesidade da reconstrución do castelo e torre de menagem por alturas do reinado de D. Dinis.
 No exterior construíuse un xardín, onde están expostas algunhas pezas do Museo da Rexión, limitado por murallas construídas no tempo da fortificación da vila nas Guerras da Restauración. Do alto podemos observar unha excelente panorámica de todo o val de Chaves."

Ningún comentario:

Publicar un comentario