28 de out. de 2011

Visita ao Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro


A visita consta de tres elementos: percorrido pola Área Arqueolóxica, poboado da Idade de Bronce e visita ao Centro de Interpretación. Este último, un moderno edificio de 3500 m2 de extensión, construído en parte baixo o nivel do chan para minimizar o seu impacto na paisaxe e que por fóra quere lembrar a figura dun peixe, con pezas de granito engarzadas que imitan as escamas, lucernario a xeito de agallas e un oco-boca onde se encontra a recepción.





 

Pasmamos na Laxe dos Carballos, onde se encontra o famoso gravado do cervo de impresionante cornamenta e entre explicacións e especulacións nos preguntabamos se esta non sería algunha clase de reloxo (ten 24 hastas, contounas Gloria) ou se as lanzas serían lanzas ou raios de sol...
Para volver poñer os pés na terra e logo de pasar polo Outeiro dos Cogoludos dirixímonos ao poboado, unha recreación da Idade do Bronce.





No exterior, a poucos metros do edificio, hai un espazo lúdico inspirado no labirinto de Mogor, onde unha pequena parte do grupo se aventurou e costoulle o seu dar coa saída.




Con respecto aos petroglifos -ou petróglifos-  propiamente ditos visitamos só os do itinerario principal: Laxe da Forneiriña, Laxe dos carballos e Outeiro dos cogoludos e a visibilidade naquela hora non era moi boa debido ás sombras das árbores o que os facía aparecer deslucidos sobre todo en comparación coa súa representación virtual no Centro de Interpretación. Gustaríanos ter feito un percorrido maior e ver as restantes estacións e que a visita fose máis interactiva; de todos xeitos o grupo en xeral saíu contento e as protestas foron por asuntos máis triviais como o feito de estar pechada a cafetería e teren moita sede.
Seguramente Moisés foi quen sentíu maior emoción lendo as pedras coas mans. Este é o audiovisual que Pepe Soto, alumno dos obradoiros, realizou da súa visita guiada.


Ningún comentario:

Publicar un comentario