20 de maio de 2011

Excursión a Coimbra

Coimbra é unha das cidades históricas de Portugal. Encóntrase situada na rexión Centro, nas marxes do Mondego, un río que xa foi estrada económica desde o tempo dos fenicios. O nome de Coimbra vén da veciña cidade romana de Conimbriga. En 1139, o que foi primeiro rei de Portugal, D. Afonso Henriques e nado alí, fai de Coimbra a capital do Reino, estatuto que conserva ata 1260. Afonso Henriques era neto do rei Alfonso VI, que tiña dúas fillas ás que deixou como herdanza o condado de Galicia (a Urraca) e o condado portucalense (a Teresa). Este último condado convertirase no país de Portugal con Afonso Henriques como rei. Iso acontecía no século XII, momento historicamente relevante tanto para Portugal como para Galicia. Como Santiago de Compostela, Coimbra é unha cidade universitaria que conta cuns 150 mil habitantes, aos que se suman cada curso escolar 30 mil estudantes de fóra. A súa Universidade é a máis antiga do país, con grandes tradicións académicas das que a máis famosa é a Festa da Queima das Fitas, coa que coincidimos nesta viaxe. A festa comeza o primeiro xoves de maio coa tradicional Serenata na Praza da Sé Velha, que se enche de estudantes que visten o tradicional traxe negro con camisa branca e a típica capa académica que ás veces levan desfiachada no fondo. Nas festas universitarias celebracións relacionadas coa vida académica cántase o fado de Coimbra que normalmente é cantado na escuridade con gran solemnidade e no medio do silencio.O fado tamén forma parte das chamadas serenatas, declaracións de amor cantadas.




Conímbriga, a cidade romana


Saíndo de Coimbra, a uns 15 km en dirección sur, chegamos á maior cidade romana de Portugal, Conimbriga. Numerosas construcións dan conta da riqueza desta cidade en época romana:a muralla e unha das súas portas franqueada por dous torreóns adosados que dá acceso á parte fortificada. Fóra, consérvanse restos da calzada romana que conducía á cidade. Dentro pódense ver as diferentes estancias dunha casa romana: atrio, peristilo, triclinium, exedra,.... conservándose parte das pinturas ornamentais e sobre todo os mosaicos de diversa temática: xeométrica, motivos da natureza, de caza, mitolóxicos... Destaca unha casa, a chamada casa dos repuxos, co seu xardín interior con lirios e fontes, o ximneceo ou lugar das mulleres, o comedor, a piscina para os peixes e os cuartos onde dormían as persoas que alí traballaban.




Ningún comentario:

Publicar un comentario