28 de abr. de 2011

Conimbriga-Coimbra








Esta cidade xa non existe. Dela son testemuña a muralla practicamente intacta, as paredes e pavimentos das casas nas que moitos dos mosaicos preserváronse bastante ben, os baños públicos ou o que queda do anfiteatro e mais do Foro. Pero como en tantos lugares onde se atopan restos arqueolóxicos a cidade romana superponse a outros restos históricos, que se remontan á Idade de Ferro, época dos castros. No século II antes da era cristiá, alá polo ano 139, as lexións romanas de Décimo Xunio Bruto durante a campaña de pacificación da península establecéronse no que daquela chamaron Flavia e hoxe se coñece co nome de Conimbriga, usurpando o lugar á poboación castrexa. Algúns séculos máis tarde, cara ao ano 468, foron eles os invadidos polos suevos, non poidendo resistir o ataque a pesar de teren construído a muralla para se defender. Despois diso a cidade foi abandonada e o seu nome pasou á veciña poboación de Aeminium, que deu na actual Coimbra.

Pasear polas ruínas de Conimbriga pode despertar esa parte da nosa memoria que corresponde ao tempo en que os romanos invadiron e conquistaron estas terras en busca de novos territorios que anexionar ao seu imperio. Como eran afeizoados aos baños, en Galicia aproveitaran as augas termais  e explotaran os filóns de ouro chegando a furar o monte (Montefurado) para desviar o río Sil e que as súas augas arrincaran da pedra o precioso metal. Nesa zona até hai ben pouco aínda había mulleres que procuraban pebidas de ouro peneirando pacientemente as areas do río e que eran coñecidas como "areanas".

Pero a cambio, os romanos deixaron a súa nada desdeñable pegada: calzadas, acueductos, pontes,... as súas leis e a súa lingua que mesturada co substrato que aquí se falaba deu lugar ao galego-portugués agora desglosado nas falas da Galiza, Portugal e o resto de países da chamada lusofonía.




Na época en que os romanos se asentaran en Conimbriga a calzada de Olisipo a Bracara Augusta discurría por Coimbra  o que daquela constituía un gran avance  na comunicación. Agora as estradas que nos levan a coñecer os lugares máis rapidamente son -quen o iría dicir- cables de cobre, fibra óptica e ondas electromagnéticas.

Para ir coñecendo a cidade de Coimbra e orientarse mellor durante a excursión, aquí temos unha visita interactiva.

http://turismodecoimbra.pt/coimbrainteractiva/

Ningún comentario:

Publicar un comentario