8 de abr. de 2019

Paseo a pé, paseo en kaiak. Unha cidade, dúas experiencias

"Se chove...., que chova" foi o dito mais soado nos corredores do Rodeira días antes da nosa visita á cidade de Tui. Sabiamos que o pronóstico era invernal, porén viaxamos inzados de bo ánimo. Vese que San Telmo botou unha man e co seu facho milagreiro despexou a choiva ou sería a enerxía positiva do noso alumnado que non defraudou, mais unha vez.
Percorremos ruelas en pedra, fomos tralas pegadas das murallas, debullamos os segredos da toponimia das rúas, tan apegada a oficios antigos e admiramos Santa María catedral acastelada. Tamén coñecemos algo máis polo miúdo os motivos que fan reivindicar a comuna medieval xudía e xudeo conversa tudense. Demos cas portas pechadas do Museo Diocesano e lamentamos non ter tido acceso á colección de Sambenitos da Inquisición, únicos conservados en España, pezas orixinais, túnicas da infamia que se lles obrigaba a vestir aos condenados por herexía como penitencia na Idade Media.Foi mágoa.
 






Os afortunados que escolleron o paseo en kaiak polo Miño levan dende entón nas súas retinas gravada unha vista privilexiada das dúas cidades amuralladas, Valença en Portugal e Tui en Galicia, unidas pola contemporandidade da Ponte Internacional, bandeira da arquitectura funcional e industrial en ferro de finais do século XIX.
Penso que todos temos hoxe no noso peto unha nova panorámica do vello e histórico Tui.






Ningún comentario:

Publicar un comentario