Entre os primeiros obxectos de plástico que chegaron ás nosas vidas estaban os xoguetes para brincar na praia, baldes, parrulos e flotadores. Estes da foto eran de caucho, pero axiña viñeron os de plástico a substituilos, como era de esperar.
Pois ben, a proposta para esta semana é rescatar un recordo e escribir sobre el. Podes escoller entre estas fotografías feitas nunha exposición do Museo do Mar.
Os flotadores pode que te leven á infancia, á túa ou á de teus fillos e fillas, ou tal vez netas... Tamén te han levar á praia, ao pracer e o medo dos primeiros baños de mar, ao cheiro a maruxía, ao verdello, aos caramuxos e croques, ao camarón das charcas,
O plástico é un derivado do petroleo. Pode que este forniño de petróleo tamén vos traslade á remota infancia e así rescate algunha imaxe, algún xantar na cociña ou unha pequena historia do cotiá.
Lembrades algunha comida preparada nel, a tixola con aceite ao lume con pementos e patacas a fritir, o leite no fervedor, as rebandas de pan con viño e azúcar, as chulas de mangueta...
O recendo que había na cociña nese momento. A comida con sabor a queroseno.
E ben, se estes non che din nada, busca entre as túas fotografías antigas para rescatar un obxecto que che fale e cóntanos o que che di.
Ningún comentario:
Publicar un comentario