25 de maio de 2019

O galego está que arde

Foi premio do xurado na sección Un certain regard, en Cannes, na edición deste ano. Con esta nova película de Oliver Laxe a nosa lingua paséase pola alfombra vermella. Esa lingua silvestre das montañas da Galicia oriental soa xunto co crepitar do eucalipto ardendo, pero tamén baixo os castiñeiros e -imaxinamos, xa que non a vimos- na cociña da casa de Benedicta, nai do protagonista, pois o primeiro que ela lle pregunta ao fillo recén saír este do cárcere é "tes fame?". Xa o director dicía que o galego se ía escoitar en Cannes, con acento de Lugo, e así, e subtitulada, a lingua tórnase  universal, coma nos tempos de Alfonso X o Sabio. Subidón para a nosa autoestima lingüística, que boa falta lle fai.  Como nos "Cantos na maré" onde artistas lusófonos de todos os continentes recitan ou cantan xunto con artistas da Galiza ou no concerto de "Enredadas" canta Martirio a Negra Sombra e xunto con Carmen Paris e as dúas Uxías (Senlle e mais Pedreira) a Rianxeira.
Terceira película de Oliver Laxe rodada nos Ancares e terceiro premio no festival de Cannes.
Non só a Oliver Laxe, actores e actrices... Noraboa á nosa lingua por vestirse unha vez máis de poesía, esta vez no cine.


Ningún comentario:

Publicar un comentario