8 de xuño de 2015

Viaxe a Verín-Chaves: Castro de Saceda e aldea de Moimenta (1)

A viaxe deste curso a terras de Portugal comeza na Galiza, no Castro de Saceda (Verín), a onde se dirixe animosamente o grupo monte a través entre carqueixas, toxos e outras flores ata chegar ao alto onde agarda Bruno, quen nos vai guiar atrás no tempo, a un territorio no que o monte Larouco, dominando o horizonte destas terras considerouse mítico e sagrado, cuberto a metade do ano por un manto de neve.
Na contorna hai decenas máis de castros, pero este de Saceda parece destacar sobre os outros,  presentando curiosidades como as casas de pranta cadrada anteriores á chegada dos romanos. As murallas foron construídas en distintas épocas poidendo observarse as diferentes técnicas entre as que rodean a croa, de maior precisión e acabado e as outras máis afastadas, que semellan ter sido feitas á presa. 


O acceso ao castro facíase a través de portas cruzadas como se aprecia á dereita. O cruzamento das portas de entrada facía que posibles visitantes non desexados fosen detectados a tempo pois ficaban entre os dous parapetos, sendo vistos ao mesmo tempo por quen estaba a un lado e a outro do muro.


A pedra da esquerda era unha pedra de abalar, como a da Barca en Muxía. Noutro tempo, con tocarlle só coa punta dun dedo xa se movía mais actualmente a pedra non abala : (

A calor empeza a apretar e xa hai quen se refuxia á sombra da muralla.




Camiño de volta ao autobús para visitar a aldea de Moimenta. Aproveitando para facer fotografías nun campo todo florido.





O nome de Moimenta ven de "monumento". Esta é unha aldea case abandonada, representativa das poboacións da comarca, coa súa igrexa e cemiterio, cruceiro, un antigo pazo con escudo. Abaixo, un sabugueiro asoma dun tellado.




Entre os poucos habitantes, este apiñado grupo de cabuxas dentro do seu cortello, curiosas ante a visita ( a do fondo tamén é real aínda que parece unha pintura rupestre).

Ningún comentario:

Publicar un comentario