29 de abr. de 2015

Museo do Mar e Museo Liste



O Museo do Mar é algo máis que un museo, é un dos enclaves máis emblemáticos de Vigo. Construído sobre o antigo matadeiro de Alcabre (antes fábrica de salazón) é ante todo unha xanela aberta á ría que se expón a si mesma permanentemente como un cadro múltiple e cambiante: as illas enmarcando o horizonte, un mar cheo de matices, chalanas de pesca, mergulladores e nadadores ocasionais, bañistas, paseantes, marés que se volven vivas nos equinoccios, nubes tinxidas polos solpores e á noite as constelacións que guían ás xentes do mar. Son algúns dos temas que o museo mostra a través dos ocos dos seus muros.


 



  
Dentro, un acuario cunha mostra da fauna mariña da contorna (mmm… vimos unha centola francesa)



 
Nunha das salas, vimos como eran as primeiras bateas construidas sobre baxeis, as artesanais patelas, dornas e outras embarcacións tradicionais, e todo tipo de productos derivados da industria pesqueira.
Unha das vantaxes do museo é que non ten excesivas barreiras arquitectónicas así que o alumnado en cadeira de rodas poido moverse autonomamente polas distintas dependencias.

Vimos tamén obxectos mariños do máis diverso como o batiscafo de Sanjurjo Badía ou traxes de buzo con escafandras antediluvianas. A visita non era oficialmente guiada pero en certo modo si que o foi, entre alumnos que andaron ao mar e alumnas que traballaron nas fábricas de conserva que foron facendo os seus comentarios e contando as súas historias.


A continuación dirixímonos ao Museo Liste.Foi como pasar do mar á montaña, chegamos algo tarde debido a problemas cos amarres da cadeira de rodas no bus, pero o museo Liste agardou por nós e ás persoas encargadas de guiarnos a visita non lles importou quedar case unha hora máis sobre o horario previsto. O alumnado, encantado. É case un museo da Madeira: madeira no carro e nas cangas dos bois, nas pías para dar de beber aos animais, nos pratos para comer o polbo, nas albarizas, nos silos, nas zocas...


Ningún comentario:

Publicar un comentario