28 de maio de 2012

Citânia de Briteiros

A citânia de Briteiros, descuberta hai 130 anos polo arqueólogo vimarense Martins Sarmento, é un dos máis destacados enclaves arqueolóxicos da Idade do Ferro. Está situado no alto do monte de San Romão, entre as cidades de Braga e Guimarães e pertence ao concello desta última.
As ruínas son os restos dun poboado rodeado de tres murallas que presenta os rasgos da cultura castrexa propia do noroeste da Península Ibérica, como a planta circular das vivendas, a ubicación topográfica no alto do monte ou a decoración con motivos xeométricos. Tamén se evidencia a influencia da romanización a partir do século I a.C., (inscricións latinas, moedas da República e do Imperio, fragmentos de cerámica importada, vidros, etc.)

 



O grupo no alto da acrópole
Esa mañá choveu, por máis que nós levamos o paraugas axota-chuvias que chama polo bon tempo. Moisés, que é cego, non quería perderse nada do que alí había. Empezou por pasar as mans polo indicador da estrada que anunciaba a Citânia en relevo, mais ao pasar a recepción onde pagamos as entradas e pisar o antigo camiño empedrado axiña se decatou do irregular e encostado do terreo propicio a facer esbarar, así que a alguén lle tocaría arrimar o ombreiro para facer de lazarillo.
O estado meteorolóxico contribuía a pesar de todo a percibir mellor o lugar que envolto en néboa desprendía arrecendos de terra húmida, herba, musgo, follas murchas e flores silvestres. A historia alí vivida deixou tamén a súa impronta nos muros, por iso Moisés pasáballes a man, para ler os seus segredos.
Ao chegar ao alto parou de chover e o tempo que pasa pareceu deixar de pasar. Alí, onde se reunía o Consello de Maiores no pasado, paramos para sentir o que aquelas asambleas de xentes sabias deixaran flotando en ondas hertzianas invisibles. Antes de marchar, abarcamos cos brazos unha impoñente sobreira que nos devolveu o abrazo a través da mornura da súa pel de árbore.

Ningún comentario:

Publicar un comentario