31 de maio de 2011

Cans de cine

Mentras en Cannes (Francia) celebran o mítico festival de cine, en Cans (o Porriño) ten lugar un acontecemento non menos “glamouroso”, ou máis ben “agroglamouroso”. Este certame de curtametraxes vai xa pola 8ª edición, grazas á Asociación Cultural Arela dirixida por Alfonso Pato, e coa colaboración de veciñas e veciños da parroquia que emprestan galpóns, alpendres, leiras, galiñeiros, hortas e chimpíns; pois Cans é unha aldea de non máis de 400 habitantes, cun xeito de vida rural que durante os días do festival se veste de festa, poñendo cans amarelos nas fiestras e portalóns e recibindo a miles de persoas, entre elas artistas como Luís Tosar e María Pujalte, directores como Jorge Coira, Martín Cuenca, Mario Iglesias e músicos como Coque Malla, Iván Ferreiro, Lamatumbá, Kiko Veneno, Victor Coyote ou Toni Lomba & Helio dos Santos, entre outros.

Desde o 18 de maio e durante catro intensos días houbo, ademais de curtas e videoclips, longametraxes, coloquios con cineastas, concertos e desfiles de chimpíns engalanados con flores nos que pasean visitantes e participantes. Todo iso no torreiro da parroquia, nos galpóns e mesmo nos galiñeiros! Para ampliar o aforo, nesta edición púxose tamén a disposición do Festival o auditorio do centro recreativo do Porriño onde o segundo día do festival proxectáronse dúas longametraxes made in Galiza: “18 comidas” e o estreo de “Doentes”, nas que estiveron presentes os respectivos equipos (directores, productora, actrices, etc.) que ao final da proxección participaron co público nun coloquio. Entre ese público estábamos nós, alumnado e profes da quenda de tarde do instituto. Ademais de disfrutar da película e o coloquio houbo que se fotografou e levou autógrafos dos seus actores favoritos.





A CRÍTICA 18 COMIDAS A historia céntrase arredor das tres comidas principais do día, con seis historias distintas por cada unha (de aí o título). Entrelázanse unhas con outras nalgúns momentos, para terminar o día nunha festa de aniversario dun personaxe onde acaban case tódolos protagonistas xuntos. O guión ofrece unha mestura de galego e castelán con pinceladas de inglés, e ata macedonio. A pesar desta mestura e da mala calidade do son, resulta divertida e real como a vida mesma. Está chea de actores e actrices, a maioría galegos, tan variopintas como as historias que se contan. Destaca particularmente o papel de Pedro Alonso; representa a un mozo desesperado por ter unha cita cunha moza, que non chega a verse. Comeza o día rapando a cabeza para estar máis guapo. Chega a preparar as tres comidas, levando plantón en todas elas e compartíndoas cos dous amigos chupóns da quenda e co can. O director, Jorge Coira, en 18 comidas tivo a xenial idea de darlle un móbil ós actores na rodaxe para improvisar o guión sobre a marcha, sen parar de rodar, o que lle dá a película un aire caseiro. Para terminar, podemos dicir que 18 comidas é unha película moi recomendable para tódolos públicos que queiran pasalo ben. Cándida Malvido

Ningún comentario:

Publicar un comentario