20 de maio de 2010

Chavasqueira, Allariz e Santa Mariña de Augas Santas

A Terra non para de facernos regalos. E aquí onde nós vivimos, que é un lugar habitado dende antigo,  a auga é o legado principal: en forma de ríos, chuvia, fontes e regatos, o propio mar que nos envolve e por se non chegase, a boa e xenerosa  terra oferécenos neste recanto do planeta un tesouro oculto, subterráneo e curativo: as augas termais. Tesouro que na quenda de tarde sabemos apreciar ben e que servíu de motivación a moitas saídas ao longo de todos os cursos; de Partovia en terras do Ribeiro  ao río Caldo no Xurés e Caldas do Gerês, de Caldas de Reis a Caldelas de Tui, do balneario do Peso en Melgaço ás Caldas de Cuntis e ás termas da Chavasqueira en Ourense.

De paso estudamos a historia. A presenza dos romanos en Galiza está inexorablemente unida ás augas: do río Limia ou río do Esquecemento que Décimo Junio Bruto cruzou en 137 a.C. desafiando o sortilexio que pretendía protexer estas terras das invasións de pobos cobizosos das súas riquezas naturais -os romanos levaron de aquí ouro a esgalla-, até o uso que fixeron das augas termais e que integraron como parte da vida cotiá durante as súas campañas. Hai algúns cursos visitamos o campamento de Aquae Querquennae en Baños de Bande e alí puidemos observar a importancia que os romanos daban a este asunto.

Vémolo asimesmo na toponimia galego-portuguesa, inzada de referenzas (Caldas, Caldelas, Baños,…) e aprendemos empíricamente, bebendo e bañándonos nelas, o valor das augas curativas no interior do organismo e na propia pel.

Desta volta o baño na Chavasqueira deu paso, logo de xantar, a un paseo pola vila de Allariz e mais pola beira do río Arnoia onde se rehabilitaron muíños e curtidurías. Todo iso antes do sorprendente descubrimento de Santa Mariña de Augas Santas, aldea cun apelido ben ilustrativo sobre o tema que nos ocupa.


Finalmente, unha fascinante viaxe ao pasado, Santa Mariña de Augas Santas: un lugar onde se solapan historia, arte, misterio e lenda, todo rodeado por unha natureza mítica de carballos centenarios cubertos de liques e grandes penedos  -“pedras dos xigantes”-,  algún deles con intrigantes petroglifos, asentos e concavidades nas que se depositan augas ás que se atribúen poderes máxicos desde tempo inmemorial.





Ningún comentario:

Publicar un comentario