Algunhas das mulleres que veñen ás clases de tarde traballaron na fábrica de Massó. Así que non dubidaron cando se lles propuxo asistir ás "II Xornadas sobre o papel da muller no sector pesqueiro e conserveiro", celebradas na sede da fundación Anfaco-Cefopesca, en Vigo. Aquí vai o relato dunha delas sobre a figura de Ana María, asistenta social da fábrica e que aos seus 86 anos participaba como ponente nas Xornadas.
O catro de novembro os profesores convidáronnos a asistir a unhas Xornadas que trataban do papel das mulleres do sector conserveiro. Estaba convocada para falar Ana María Soto a que fora Asistenta Social da fábrica de Massó.
Escoitar o seu nome e facer plans para ir foi todo un. Algunhas pensaron que xa non estaría para falar, que sería moi maior (86 anos) pero todas tiñamos gañas de mirala e de volver abrazar aquel corpo menudiño que se movía pola fábrica e polas casas para solucionar unha chea de problemática que tiñamos as mulleres da conserva.
Ana María falou despois do Sr. Aldao que fora encargado da fábrica. Como se lembraba de todo, que memoria tan boa tiña! Falounos da primeira entrevista con don Gaspar Massó, da situación da saúde das traballadoras e das familias, das casas que había, da cultura, que sei eu, de moitas máis cousas que pasaran na fábrica cando moitas de nós traballamos alí.
Falou das duchas, do comedor, das vivendas, do economato, de cando Massó reinaba no Salgueirón como unha empresa modelo da seguridade Social, do cine que proxectaban os domingos, da gardería e das escolas, de tantas cousas vividas.
Todo foi moi fermoso, as atencións que tiveron con nós (os canapés de El Molino, riquísimos) e as fotos que nos proxectaron da asociación A Cepa, todas das fábricas da nosa vila. Foi marabilloso oír a todas aquelas mulleres que participaron: redeiras, economistas, conserveiras, profesoras, percebeiras, empresarias.
Gustounos moito. A ver cando nos levan outro día. Sobre todo gustounos o poder escoitar a voz de Ana María todo unha regalía, chea de vitalidade.
Quedamos en convidala, cando pase o tempo de inverno, a pasear polos terreos da vella conserveira e a pasar con nós un día de primavera para celebrar o noso emocionado encontro con ela.
Xulia Chapela González
Ningún comentario:
Publicar un comentario