15 de maio de 2019

Recanto etnográfico

Antonio Fraguas, a quen se dedica este ano o Día das Letras, destacou polo seu labor de investigación etnográfica. Entre as súas teimas estaba a recuperación de historias, lendas e costumes do pasado, ás veces reflectidas nas coplas que se cantaban durante os traballos de campo e que probablemente el aprendeu na súa infancia pasada en Cotobade con súa nai e a 'Mamá Antonia', muller que traballaba na súa casa e que aínda non sabendo ler nin escribir foi, segundo el, a persoa da que máis aprendeu e que espertou a súa curiosidade na nenez.




En Rodeira, na quenda de tarde, aprendemos permanentemente de todas as persoas que por aquí pasan. Algunhas son, pola idade e as experiencias vividas, auténticos libros andantes de etnografía local e queren aportar o seu gran de area neste recanto de etnografía caseira.

Carmiña, que leva o obradoiro de danza tradicional, trouxo as súas monecas vestidas con distintos traxes antigos confeccionados por ela. E trouxo zocas e  tamancas, e unha pamela e un cesto.
E hai quen trouxo...
Josefa Rodríguez, a maqueta dun barco grande de pesca feito polo seu home, José Rodas
Carmen Vilariño, un mandil dos de antes
Teresa Costas, a poutada e o rizón
César, un ghanapán
Rafael, unha ghamela
Luisa Martínez, un sifón
Isabel, un tanquiño da auga en miniatura
Salud, unha fouza
Teresa González, un machete, unha peneira e unha raña ou gharabeta das de pescar polbos.
E aínda están un ferro de pasar ben antigo, unha fouzaña (fouza sen mango), un cancil ou cangalleira para poñer ao pescozo da mula, dúas radios...



Albina, que a final de curso vai facer noventa anos, sempre nos conta historias de antes.
"Na escola, como traballo, tiven que recordar certas cousas do pasado, cousas que se perderon 
co paso dos anos e que hoxe non serían útiles coa evolución da vida.

O paraugueiro que arranxaba as olas e as tarteira, e evitabas de comprar unha nova.

A manteira vendía mantas para o frío.

E non falemos dos paneiros. Un día apareceron dous pola aldea e dicían:
- quen compra?
Unha veciña quería saber o que vendían e púxose a mirar para eles.
- compra masita?
- si,
- paso?
- si,
- confianza equí?
- si
Ela tiña a foto do home vestido de soldado no corredor.
Cando os manteiros o miraron tomaron medo e dicían:
- cabinero aquí!
Ela dixo:
- amigo soldado guerra Francisco
E comproulles un xénero que non se gasta nunca, incombustible, suave e duradeiro, dicían eles, 
con dicir que lle chamaban tela Cabanillas!


A señora Manuela era remendadeira. O dela era ir polas casas coa máquina a remendar roupa. 
Unha vez deume un patrón para facerlle uns pantalóns aos nenos. Daquela non había mercadillo 
e reciclábase todo. Unha veciña fixo das perneiras do pantalón do home unha saia e saíulle pequena, eu comprei un retaliño e fixen un vestido, era curto e apretado pero ghasteino."                 Albina Gallego

Ningún comentario:

Publicar un comentario