21 de xan. de 2014

Poesía para o día das Letras con Xosé Mª Díaz Castro

De novo o próximo 17 de maio vai de poesía. Imprescindible este poema-himno, para memorizar.
O título ten un recendo homérico e un tecer e destecer sen igual.

Penélope
Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
 a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡ Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡ Un paso adiante e outro atrás, Galiza!



Para consultar biografía, poemas, comentarios e outros textos: poetadiazcastro

Ningún comentario:

Publicar un comentario