4 de maio de 2021

Argentina

Chegamos ao instituto no curso 2001/2002. Ela, que viña de Coiro,  e nós que viñamos da Escola de Adultos na Pedra Alta. Matriculouse nas clases de Alfabetización, a ilusión dela era aprender a ler e a escribir. As contas non lle chistaban tanto. "A min non me veñas con divisións que non chas fago" díxome un día malhumorada. Daquela eu tomaba nota de todo, en cadernos de programacións e memorias interminables. Como esta lembranza que atopei e que deixo aquí para dar conta do moito que a boto de menos.


De cando Argentina rompeu a ler

Dar clases nesta aula é como facer teatro. Hai que aprenderse un guión, con diálogos, movementos e estudadas expresións. Non hai tarimas, pero si público dun lado e actores de outro. Actores e actrices que seguen o guión. As representacións son tantas que hai veces en que unha se queda en branco e daquela non queda outra que improvisar.

A obra titúlase: “Alfa, be, tiza, acción!”

Escena 1ª e única (e por tanto irrepetible):

O rostro de Argentina ten regos de canseiras, de vida campesiña chea de angueiras, mais abre os ollos ben abertos e por eles escapa a simple felicidade, que non vos sei dicir se ten cor ou é transparente, de tan clara. Só ela sabe que é feliz por ter aprendido a descifrar o indescifrable. Esa felicidade que a ilumina dalle brillo á cara, unha tintada máis alta. Sorrí e son os ollos os que falan. 

-Estou contenta, si, di.

Cóntame que o domingo colleu o coche de línea para ir a Pontevedra e que foi unha viaxe fantástica. Os sitios cobraran vida gráfica: Hío, Aldán, Beluso, Bueu, Seixo, Ardán, Marín.

-Sei que cheguei aos sitios sen ter que preguntar ao chofer, di encantada.

Todo semella novo, os sinais cos topónimos na estrada, os nomes dos comercios, os carteis, as bárbaras pintadas.

Argentina viaxa, o tempo pareceu parar para esperala. Cantos segredos lle gardou! Sáltanlle faiscas das pestanas, de contenta e indignada.

Tomo nota da escena para incorporala ao esquecido guión. En que apartado irá, obxectivos, contidos, avaliación? Ou haberá que abrir outros novos? tal vez imprevistos, emoción?

Volvo ao sorriso dela. O decorado detrás ten xanelas que dan á praia, cun escuro ceo de treboada no que asoma un raio de luz.

-Xa sei ler! exclama.





Ningún comentario:

Publicar un comentario