30 de out. de 2023

Madagascar e a lingua malgaxe

Frente ás costas de Mozambique, no océano Índico e ao sureste do continente africano, encóntrase Madagascar, unha illa cunha biodiversidade única nos seus máis de medio millón de quilómetros cadrados. Actualmente supera os trinta millóns de habitantes. A capital é Antananarivo.


As linguas principais son o malgaxe (malagasy) e o francés. O malgaxe, lingua autóctona da illa, é de orixe austronesia como o malaio, xavanés, hawaiano e samoano e declarouse oficial só a partir de 2007 a raíz da aprobación da lei de política lingüística.

O malgaxe recibiu, ao longo da historia, influencias de linguas bantúes de África oriental como o suahili, do árabe, do francés e do inglés. Cunha rica tradición oral, empezou escribíndose en sorabe, adaptación local do alfabeto árabe, e, a partir do século XIX,  en alfabeto latino.

Existen numerosos dialectos como a lingua merina falada na meseta central e que serve de base ao malgaxe. Outros dialectos teñen nomes como taisaka, bushi, bara, masikoro, taimanambondro, sahafatra, tambahoaka, zafisoro, tankarana, taimoro, sakalava, tanosy ou tsimihety..

A poboación é unha equilibrada mestizaxe entre indonesia e africana oriental, a maioría malgaxe.




Ningún comentario:

Publicar un comentario