26 de ago. de 2022

Andaina por terras de Aldán

Vinde! Vinde comigo dar unha volta por Aldán. Iremos dende un extremo a outro, dende o monte ata o mar. Será mañán de mañán, ben cedo,  por lugares do máis descoñecido e tamén por rincóns do máis turístico. Paisaxes que desexo amosarvos antes de que sexa tarde. Patrimonio natural destinado a desaparecer a mans duns ou doutros, nas mans que só enchen con cartos;  as do especulador, as do infractor, as do egoísmo, as do pan para hoxe e fame para mañán.  Paraxes cheos de maxia, cheos de vida e que, aínda así, non dubidarán os "queimaterras  converter nun "marina dor, ciudad de vacaciones". Vinde,  saímos ás oito e media do petroglifo de Abelaires,  ao lado do punto limpo. 

Chego ás oito en punto ao punto de partida.  O Sol xa se deixa ver sobre os montes de Hermelo e enche de luz San Cosme e a Portela e as terras de Coiro, Darbo e Aldán. Son xa as oito e cuarto e van chegando un a un todos os excursionistas, ben animados a caminar e coñecer. Ás oito e media, tal e como se acordara, comezamos a camiñar en dirección ao monte Liboreiro. Comigo somos doce. Subimos por un carreiro entre castiñeiros e carballos, piñeiros, xestas, toxos, carrasca e panpillos. Dende el vese case toda a ría. Pola outra beira do mar vemos Vilanova, Pinténs, Igrexario e Vilariño, coas súas praias; Couso, Alada, Areabrava, Castiñeiras, Pipín, San Xian, Pinténs, Arneles, o Cagallón e Vilariño.  A praia de Vilariño, ao estar a marea baixa únese coa de San Cibrán e a da Laxe dos Picos. Xuntas forman un arco de area no remate da ría, onde desemboca o río Orxas e que vemos dende aquí, e ao que nos diriximos. Primeiro vamos ir ao lugar onde nace e logo seguindo o seu cauce ata onde se une co mar. 

Chegamos a un alto onde o camiño se divide. Un ramal sube ao Liboreiro, o outro, polo que seguimos, vai cara onde nace a auga, pasando por Castiñeiras, Cereixido e Borrallido. Gañas non faltan de subir o Liboreiro e escoitar o son da auga no seu curuto, onde din que á luz da lúa peitea o seu cabelo unha moura. 

Camiñamos amodiño. Sen darnos conta ningún de nós quer tronzar a paz que nos rodea chea do trino dos paxaros, das follas que move o vento… e os raios do sol que enchen de cor os nosos ollos co seu reflexar na herba do chan entre as follas dos carballos. 


Seguindo o gurgullo da auga atopo fronte a min unha árbore caída, está tal cal a lembraba, igualiña que cando de cativa estiven aquí con meus pais. Árbore que teño como referencia para atopar este lugar; 'Onde nace a auga'. Auga fresquiña brotando do manantial. Sen industria ao seu carón, nin por enriba, que a contamine. Ninguén pode resistirse e todas, un a un,  xunta as mans e bebe. Mentres, algúns sentan, outros quedamos en pé.


Naquel intre levántase un refacho de vento.  Como un latigazo de seda que sae da ría de Vigo entrando por Liméns e batendo contra todo canto atopa, os montes da Vixía, o Castelo, Herbello,  e a nós. Tamén acariña as follas secas que parecen coller vida e saen disparadas do chan a bailar ao noso redor.  Os merlos e pardais que piteiran polo chan, saen voando como arrastrados polo vento, as polas dun salgueiro, e tamén nós saímos, seguindo a son da auga e o cheiro a mar.


Seguimos o camiño do Canal ata chegar á Fonte de Rebordelo, xa preto da aldea de Gandón.  Ao chegar ao cruceiro, collemos polo ramal da esquerda cara aos campos e o lavadoiro. Á dereita atópanse Os Laranxos, a Praza e A Eira, onde naceu meu pai.  Dende onde nos atopamos agora vese todo o val ao pé dos redondos montes, regado polo Orxas. Vou sinalando e nomeando os lugares e nomes que lembro: a Gargantiña, O Souto, a Viña, a Fonte, a Torre, a Seara, as Canceliñas, os Asnos, a Cordiña, as Fontesdones… e xa estamos no lavadoiro do Piñeiro. Non vamos á Fonte, nin vamos pasar pola Costa nin polo río Merdeiro. Seguimos polo Pontillón cara aos terreos dos condes de Canalejas e os muíños que se atopan no cauce do río dende Herbello ata San Cibrán. O muíño da Estivada, o da Fonte, o do Frendoal, o muíño da Granxa, o da Besada, o da Lama, o muíño de Nores e o do Xangarelo.


Sentamos na Besada un ratiño. Lembro a infancia, o lavadoiro cheo de mulleres lavando e leriando das cousas do pobo e dalgunhas que sempre pensei non lles interesaban. Cerro os ollos. Síntese a maxia. O frescor do río, o son da auga, o Sol a facer cóchegas alí onde daba. 


Continúa despois desta pausa a nosa andaina. Xa na dos condes, vese á dereita, ao outro lado da estrada, o pazo de Vista Alegre,  o Mirador e o Pombal.  Baixamos un pouquiño e atopamos o viaducto e un pequeño castelo de xogos con campo de criquet. Entramos nel, saímos, volvemos entrar, xogamos coma nenos doutro tempo, como se noutro tempo estiveramos naquel lugar. Do Castelo ao lavadeiro de San Cibrán e á Ponte medieval. Neste punto, o río desaparece baixo a estrada. Lembro o río, a xunqueira que houbo alí antes de ser canalizado. 


Da outra banda da estrada atópase a Torre de Aldán, a Cama do Xudeu, o Torreiro, o cemiterio,  o camiño vello e, seguindo por el, o cruceiro novo e a costa do pardo. 

A nosa fronte, a Lontreira, o Montiño, o Covelo, a Ponte e o Mar.


Deixamos atrás o río para sentar no Buraquiño, fronte o final da ría a tomar unhas cervezas e xa deste xeito sigo nomeando os lugares que vemos cara o peirao: A Maceira, o Lago, O Con,  a Canexa, a costa do muelle, a Espiñeira que é onde nacín, ao lado da Garita, nunha casa de patín e xente mariñeira.  


Mirando contra o máis alto do monte da Espiñeira está a Casula e a Galleira, a Ínsua onde vivo, onde aínda sigo, ao sur do monte da Andoriña,  na vertente oeste, cara ao mar, no lugar de Areacova. 

María del Carmen Martínez Varela







 




Ningún comentario:

Publicar un comentario