16 de out. de 2013

Detrás do patio

Mentras lemos, calculamos, escribimos  ou andamos a leriar dentro da aula, fóra, do outro lado da xanela que da á ría pasan cousas: pasa o barco de pasaxe cada cuarto ou media hora, pasan mariñeiros á procura de xouba, pinto e maragota, pasa a ghavota coa sardiña no bocho e ás veces sobre o horizonte esbara un grandísimo barco transatlántico no que -quen sabe- alguén dentro le, calcula, escribe ou anda a leriar mentras observa no seu horizonte un edificio á beira da praia no que dentro, do outro lado da xanela que dá á ría, alguén le, calcula ou escribe daquilo que anda a leriar.

O transatlántico pasa a Borneira, pasa a punta de Balea, a do Cabalo e as illas para seguir océano adiante cara outro porto, sen deixar nin un ronsel; só esta estampa luminosa que vemos dende a clase, tras o patio do recreo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario