2 de abr. de 2013

Conversas interxeneracionais

A raíz do día da muller fixemos a proposta de iniciar un diálogo entre dúas xeracións que teñen en común cursar estudos no réxime de adultos.
Entre as persoas que asisten a clases regradas no instituto, as maiores e as máis novas comezaron un intercambio de preguntas que unhas enviaban ás outras a través dos seus titores.  As semanas seguintes as respostas chegaban tamén por man do titor correspondente. A tarde anterior ás vacacións de Pascua o diálogo pasou de virtual a presencial e tivemos o primeiro encontro na biblioteca. O principio foi un tanto frío, apenas falaban unha persoa de cada grupo, mais pouco a pouco foise rompendo o xeo e  a conversa empezou a fluír con relativa naturalidade.
Grazas ao diálogo en directo poidemos encarar os típicos prexuizos que dun lado e outro se manteñen por falta de coñecemento ou de confianza, aclarar dúbidas respecto ás actitudes que non se comprenden, ou simplemente desabafar o malestar que con frecuencia se arrastra debido aos conflitos entre as distintas xeracións.
O resultado deste encontro non se pode avaliar desde fóra; cada quen saberá se lle valeu para abrir a mente no camiño da mútua comprensión. En todo caso, a semente plantouse e agardamos por outras oportunidades para debatirmos e aprender xuntos.
 
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario