31 de mar. de 2011

XORNADAS AGOSTIÑO ENTENZA


En memoria do noso compañeiro Agostiño Entenza celebramos as primeiras xornadas sobre o mar, organizadas polo departamento de Xeografía e Historia no que el era catedrático.

Na planta baixa montáronse exposicións: hai carteis con debuxos feitos a plumiña de artes de pesca, fotografías dos días do Prestige, paneis con expresións ben mariñeiras, poemas, libros sobre o mar, un gran cartel de navegación astronómica, redes, nasas e outros aparellos para que igual ca os peixes poidas picar e ficar a ver, ler e recrearte.

Onte, ás seis da tarde, proxectouse o documental "Soliloquio do farero". Ás sete inauguráronse as xornadas e a continuación tivemos a sorte de escoitar de novo a Xosé Lois Vilar que nos falou do seu traballo de campo sobre toponimia mariña ou talasonimia da costa sur galega.

Se en terra cada recanto da paisaxe ten nome con significado topográfico, agrario ou humano, as xentes do mar tamén bautizaron toda canta pedra, baixo, areeiro ou saínte da costa para orientarse cando saen a pescar.

Un excelente traballo de campo feito de moitas voces, as voces de percebeiras, mariñeiros, mariscadoras e argaceiras. Voces e nomes que non poden perderse.


Aquí podes ler unha entrevista con Xosé Lois Vilar no diario A NOSA TERRA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario