Igual que o curso anterior (a foto é desa ocasión) realizouse unha visita ao planetario da escola náutico-pesqueira de Vigo, onde se recibíu unha interesante lección sobre astronomía de posición para navegantes.
Unha das actividades do principio de curso neste obradoiro foi a proposta de construír instrumentos ópticos, e unha alumna fixo na casa e sacou fotos da construción dun espectroscopio para observar o efecto da descomposición da luz a través de diferentes fontes como bombilla, tubo fluorescente, ordenador, etc. As instrucións encontráronse en Internet.En canto a instrumentos para orientarse na navegación, o noso capitán de barco trouxo unha tarde un fantástico trebello: o sextante, instrumento de maior precisión que os antigos astrolabios.
Unha noite especialmente fría foi a lúa a que asomou á biblioteca para que se puidese observar con prismáticos sen saír fóra.
Polo demais, en noites nubladas, as observacións das constelacións foron virtuais, principalmente a través do programa Stellarium, que se pode descargar da súa páxina.
Grazas a Stellarium sabemos a posición da lúa, as estrelas e planetas en cada momento, en calquera dos horizontes norte, sur, leste e oeste. Facendo pasar a maior velocidade as imaxes obsérvase claramente o movemento aparente dos astros ao longo das horas; en sentido antihorario sobre o horizonte norte, arredor da polar; e viceversa sobre o sur. Tamén se pode ver o ceo tal como o imaxinaban outras civilizacións. E achegarse a obxectos afastados como galaxias e nebulosas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario