Tomar, cidade do centro de Portugal no
distrito de Santarém, nace cando a Orde do Temple se establece no século XII
nas terras que o rei Afonso Henriques conquista aos árabes que daquela
dominaban a metade sur da península. Afonso Henriques, primeiro rei de
Portugal, era fillo de dona Teresa e neto de Alfonso VI o Bravo,
quen foi rei de León de 1065
a 1072 e rei da Galiza entre 1072 e 1109 e que tivo
unha intensa e complicada vida amorosa que intentaremos resumir aquí para
achegarnos ás orixes de Portugal, así en plan telenovela.
A historia é esta:
Alfonso VI, tras un primeiro matrimonio con Inés de Aquitania que a penas contaba catorce anos cando casou e dezaoito cando finou sen deixar descendencia, casa con Constanza de
Borgoña, de quen nace Urraca. Constanza morre en 1093 e ese mesmo ano o rei
casa con Berta; despois -ou antes- casa -ou non, non se sabe certo- con Zaida, princesa
musulmana de Al Andalus de quen nacen Sancho, Sancha e Elvira. En 1108 o rei
casa con Beatriz de Este, filla dun duque (o duque de Este). Entre tanto, este rei tan prolífico en amores tivo
unha amante, Jimena Muñoz, aristócrata berciana de quen nacen Elvira e Teresa,
futura nai do primeiro rei de Portugal.
Esta Teresa, filla de Alfonso VI, rei de Galiza, casou con Enrique de Borgoña levando como dote nupcial o condado portucalense, ou metade sur do que naquel
momento histórico era o reino da Galiza e que, máis tarde e a mans do seu fillo
Afonso Henriques, ía converterse no reino de Portugal.
Urraca -irmá de Teresa- casou con Alfonso de
Borgoña -irmán de Enrique- levando como dote a metade norte do reino.
Tanto Teresa como Urraca foron figuras relevantes
da historia da Galiza nos tempos do arzobispo Xelmírez e da casa de Traba.
Afonso Henriques independizouse da súa nai e do resto da Galiza tras a batalla de San Mamedecreando os alicerces dun novo reino, o reino de Portugal.
Afonso Henriques independizouse da súa nai e do resto da Galiza tras a batalla de San Mamedecreando os alicerces dun novo reino, o reino de Portugal.
Curiosa coincidencia, Afonso Henriques nace un 25 de
xullo -día da patria galega- de 1109, e outro 25 de
xullo -de 1139- adquire oficialmente o título de rei de Portugal, reino que
daquela chegaba do Miño a Setúbal xa que o sur continuaba baixo dominio musulmán.
Foi neste contexto histórico que nace a cidade de Tomar. En 1160 o Gran Mestre da Orde dos Templarios, Gualdim Pais, inicia a construción do castelo e o convento. En 1314, cando o papa Clemente V suprime mediante unha bula a Orde dos Templarios, estes en Portugal, pasan a chamarse cabaleiros de Cristo, aos que o rei don Dinis traspasa en 1319 as propiedades e privilexios templarios. En 1420 o infante D. Henrique o Navegante foi nomeado Gran Mestre da Orde de Cristo, investindo as riquezas da Orde en explorar mares descoñecidos. Foron esas riquezas e o poder acumulados pola Orde militar e relixiosa que fixeron que desde 1551, o título de Gran Mestre se destinase en exclusiva ao de rei de Portugal. Finalmente, en 1780 a Orde foi secularizada pasando a ser a partir do século XIX unha simple -pero a maior- honra honorífica.
Cidade de Tomar 2016 from quendadeira on Vimeo.
Esta foi unha viaxe rápida de fin de semana.
O sábado visitamos a cidade e alí a Sinagoga e o
Museo dos Fósforos. En cada un destes sitios recibíunos unha muller. Na
Sinagoga, dona Tereza, pertencente a unha das poucas familias xudías que viven
na actualidade en Tomar e que atende desde hai trinta anos tanto a turistas
como a xudeos praticantes. No Museu dos Fósforos, Maria Helena da Mota Lima, de
case noventa anos e filla do coleccionista desprazouse alí a pé para recibirnos
cunha extraordinaria simpatía e cordialidade.
O domingo percorrimos o Castelo dos Templarios e
o Convento de Cristo da man de Cecília Rosa, a guía que xa nos acompañara a
tarde anterior.
Por último, xantamos (almoçamos, en versión
portuguesa) nun emblemático restaurante, o Chico Elías, onde outra
muller, a moi recoñecida cociñeira dona Céu, nos deixou un moi bo sabor de
boca.
Obrigadas a todas elas, sen esquecer ao señor
Sarmento, da Meta dos Leitões, onde
comimos o sábado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario